Monday 16 de September de 2024

A Xunta de Goberno aproba o procedemento para a solicitude de prazas no Espazo María Miramontes


O executivo local deu luz verde esta mañá ao procedemento de alta e de acceso ao Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes para o curso 2024-2025, así como á gratuídade e aos prazos de inscrición para os períodos lectivo e non lectivo. Para o período lectivo estará aberto do 26 de agosto ao 4 de setembro. Deste e doutros asuntos deu conta en rolda de prensa a concelleira Míriam Louzao.

Todas as persoas que desexen participar nas actividades da Ludoteca (tanto nos períodos lectivos como non lectivos) deben estar dadas de alta como requisito imprescindible e facelo a través do modelo ED009, dispoñible na sede electrónica do Concello. O procedemento de alta estará aberto os doce meses do ano.
A concelleira de Educación, Míriam Louzao, salientou a importante demanda do servizo e lembrou que, como novidade, o centro non tramitará altas nos períodos de solicitudes de praza.

As solicitudes presentaranse segundo modelo normalizado ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Procedemento de solicitude de praza e prazos

Aqueles nenos/as que xa están dados de alta deben cubrir o formulario de solicitude que atoparán na web do centro para o programa de interese. Unha vez realizado este trámite, o centro publicará unha listaxe de solicitudes admitidas, a subsanar e excluídas. Aquelas que teñan que achegar ou subsanar documentación terán 10 días hábiles para enviar a documentación (a través dun formulario habilitado na web) antes da publicación das listaxes definitivas. Recibirán comunicación mediante correo electrónico e publicarase na páxina web do centro o estado das solicitudes.

O período para a solicitude de praza para o período lectivo estará aberto entre o 26/08/2024 e o 4/09/2024 (ámbolos dous inclusive); a listaxe provisional persoas admitidas e excluídas pulicarase o 5/09/2024; a listaxe definitiva, o 20/09/2024; e confirmación de praza, do 21/09/2024 ao 27/09/2024.
Durante o prazo de solicitude e asignación de prazas celebraranse xornadas de portas abertas, para as que será necesario inscribirse previamente na páxina web do centro.

Os períodos non lectivos terán procesos de solicitude de praza independentes. Deste xeito, para Vaca-Ludos Nadal o prazo será do 28/10/2024 ao 3/11/2024; para Vaca-Ludos Entroido, do 2/01/2025 ao 8/01/2025; para Vaca-Ludos Semana Santa, do 3/02/2025 ao 9/02/2025; e Vaca-Ludos Verán do 21/04/2025 ao 27/04/2025.

A programación do centro está destinada a nenos e nenas empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela e dispón dun total de 73 prazas autorizadas pola secretaría técnica de Política Social da Xunta de Galicia. Toda a documentación relativa aos procesos de matrícula poderá consultarse na web do centro.

Outros asuntos

Nesta mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se tomou coñecemento da sinatura do convenio de colaboración entre a asociación para a promoción social e inserción sociolaboral Plataforma polo Emprego e o Concello de Santiago para o ano 2024, que recolle unha achega municipal de 12.000 euros.
Así mesmo, deuse luz verde a tres licenzas particulares: unha para unha obra de acondicionamento dunha vienda e dúas para arranxo de fachadas en edificios.